Vouvos copiar aquí o fío que fixen o outro día no Twitter comparando (MOI superficialmente) a forma de funcionar de Mastodon e Bluesky (máis ben ActivityPub e ATProto).
Antes de nada un disclaimer: aínda que eu sexa enxeñeiro informático, non son un experto en ningunha destas redes sociais, así que non descarto cometer erros; e se alguén detecta algún agradecería o aviso.
A orde de contidos vai ser: que é o tema da "federación" e por que é importante, que é Mastodon e Bluesky, como resolve o tema cada unha delas, que implicación ten isto para os usuarios (por exemplo en temas de moderación), e opinión final.
Xa vos adianto tamén que non vou comparar funcionalidades das apps (por exemplo Mastodon non ten citados e Bluesky non ten cadeados), porque iso acabarán tendo todas todo, e entendo que non é o máis importante tampouco.
Dito isto:
QUE É FEDERACIÓN?
Historicamente as redes sociais foron o que ás veces se chama "wallen gardens" (xardíns valados), é dicir: se ti tes unha conta en Twitter os teus datos de usuario están nos servidores privados de Twitter e só podes interactuar con outros usuarios de Twitter.
Como resposta, dende a comunidade opensource saíron distintas propostas de redes federadas, como puideron ser GNUSocial, Diaspora*, Mastodon e demais.
Que significa isto? Que se eu teño conta en A e ti en B, e A e B están federadas, podemos comunicarnos e compartir mensaxes e publicacións como se estivésemos no mesmo sitio.
E que por tanto, se o servidor A vai tomar polo cu, a rede segue existindo e funcionando; e se eu decido cambiarme a outro servidor, sigo mantendo a posibilidade de seguir en contacto coa mesma xente.
Iso ten implicacións evidentes a nivel de liberdades de usuario, pero tamén implica complexidades relacionadas coa moderación e co indexado de contidos (a barra de busca, para entendernos). Veremos que tanto Mastodon como Bluesky ofrecen solucións distintas a estes problemas.
QUE É MASTODON?
Cando falamos de Mastodon falamos dunha app concreta que imita a Twitter, pero a realidade é que Mastodon é só unha app máis dentro do coñecido como Fediverse (a rede formada por todas as apps que implementan o protocolo ActivityPub).
Cando entras en Mastodon non te conectas só con Mastodon, senón tamén con Threads (o Twitter de Meta), Wordpress (os que teñan o plugin de ActivityPub), toda unha serie de apps como Peertube, Pixelfed, Akkoma ou Snac2, e no futuro Tumblr.
Tamén é importante dicir que non fas conta "en Mastodon": Mastodon é o software a fundación que o mantén. Ti fas conta nun servidor de Mastodon concreto: o máis grande é http://mastodon.social, pero tamén está http://mastodon.gal, ou http://mastodont.cat, ou mil máis.
Como funciona ActivityPub e o Fediverse?
É unha solución feita para conectar apps moi diversas entre si. cada servidor funciona como unha rede social en si mesma perfectamente funcional e autónoma, e conéctase a outros servidores para mandar mensaxes.
O sistema está inspirado en como funciona o email.
Para entender como funciona fíxenvos este diagrama, no que Daniel publica un shitposting e agarda que o vexan os seus followers Alexandre e Vicente, estando este último nun servidor distinto.
Este é un exemplo resumido da comunicación entre 2 servidores, pero hai que ter en conta que no Fediverse hai miles de servidores, e todas as comunicacións fanse de servidor a servidor: se teño followers en 20 seguidores distintos, cada tweet xerará 20 chamadas.
Pros de ActivityPub:
-Pódese implementar en apps moi distintas, incluso redes sociais que previamente non estaban federadas.
-A rede é moi resistente: se un servidor cae, o resto segue a funcionar sen problemas.
-Non ten nin pode ter ningún tipo de autoridade central.
Contras de ActivityPub:
-Montarte algo pola túa conta é caro, porque tes que montar un servidor enteiro e autosuficiente.
-O admin do servidor ten moito poder. Todos os que estivesen en foros ou canles de Discord entenderán por que isto pode ser un problema.
-O teu servidor só ten acceso aos contidos de outros servidores cos que estea federado; iso fai imposíbel un sistema de busca como o que hai en Twitter, porque hai partes do Fediverse que o teu servidor directamente descoñece que existen.
QUE É BLUESKY?
Bluesky tamén é unha app que imita a Twitter, pero a diferencia de Mastodon non aparece dentro dunha rede federada como o Fediverse, senón ao revés: créase ao mesmo tempo que a súa rede. O protocolo que usa Bluesky é o ATProto e á rede chámana "ATmosphere".
Isto significa que cando fas conta en Bluesky só vas interactuar con outros usuarios de Bluesky (de momento), e é totalmente incompatíbel con ActivityPub. Se vos interesa, na web de Bluesky explican os motivos disto último.
Como funciona ATProto e a ATmosphere?
A ATmosphere non pretende tanto conectar varios servidores independentes como descentralizar Bluesky. É unha rede federada porque ti podes montar a túa movida propia, pero aquí separan datos, apps e feeds en servidores diferenciados.
Ti non montas "un servidor de Bluesky": só hai 1 Bluesky no que entra todo o mundo. O que ti montas é o que chaman un PDS (Private Data Server), que contén os teus datos de usuario pero non é funcional en si mesmo como app.
Despois os datos dese PDS envíanse a un Relay ou Relé, un agregador de contido que colle todos eses chíos e forma con eles un fluxo que contén todos os chíos da rede (Pensade nun indexador tipo Google).
Cando consultas o feed, o que fai Bluesky é filtrar o que traga deste Relay.
Neste exemplo, Daniel está no PDS oficial de Bluesky (http://bsky.social), ao igual que o seu amigo Alexandre. Vicente, en cambio, ten montado un PDS propio para el só. Alexandre e Vicente son followers de Daniel.
(Fago unha aclaración de que tanto neste diagrama como no anterior a cousa está simplificada, en ningún momento intento representar fielmente a arquitectura destas redes nin quen inicia as conexións nin nada polo estilo)
A maiores hai que ter en conta a existencia dos "custom feeds", un paso intermedio que recibe os chíos do Relay e envíachos filtrados ou organizados de X forma; os típicos feeds algorítmicos, como o "para ti" de Twitter. Hai por exemplo un que devolve todos os chíos en galego.
Tamén que a moderación está externalizada, non se fai dende http://bsky.app senón que hai servidores alleos chamados "Labelers" que etiquetan o contido inapropiado para que poidas filtralo e non velo.
Pros de ATProto:
-Grazas ao Relay tes acceso a unha visión global da rede evitando a fragmentación de ActivityPub, puidendo buscar contido en toda a rede.
-Os PDS consumen poucos recursos e son baratos de manter, non é habitual depender dun servidor privado cos seus admins.
-Os feeds personalizados permiten recibir os contidos que queres, e non estás atado a un algoritmo opaco como o de Twitter (evidentemente se só queres ver os chíos da xente que segues, darache igual).
-É fácil migrar de PDS, e podes usar un dominio que teñas como nome de usuario.
Contras de ATProto:
-Só estás federado con Bluesky.
-O Relay é a principal virtude pero tamén o principal punto débil, é en certo modo un elemento centralizador da rede. Montar un Relay alternativo sería posíbel pero carísimo, e se alguén tumba o Relay de Bluesky, a rede cae.
QUE IMPLICACIÓNS TEN ISTO?
A forma que teñen ActivityPub e ATProto de federar supoñen cambios na estrutura da rede e a moderación de contidos.
O Fediverse é unha rede de aldeas galas, cada unha coa súa lóxica interna, mentres que a ATmosphere é un Twitter descentralizado.
Por resumilo, se buscas fuxir do carácter masivo de Twitter e procuras unha experiencia baseada en comunidades locais, máis semellante aos foros e chats de antano, Mastodon (ou calquera outra app do Fediverse) é a mellor opción para ti.
Pero se o que buscas é unha experiencia tipo Twitter de "aldea global", onde todo o mundo está conectado con todo o mundo, e aínda que valoras non depender de Elon Musk tampouco queres complicarte a vida con políticas de servidor, escolle Bluesky.
@coegho BlueSky és Twitter 2016 però amb el desembocament d'activistes de Tumblr de 16 anys.
@twit_terrorist Se che sou sincero, cada día que pasa penso máis que Mastodon foi un erro dentro do Fediverso
@coegho Per? A mi m'agrada: Entres després de 5 hores, línia temporal, només hi han 2-3 tuts nous, tanques.
Temps total: 53 segons
@coegho @twit_terrorist Isto vou querer que o elabores
@xurxodiz @twit_terrorist Porque o Fediverso como tal non é unha mala idea para conectar plataformas moi diversas, pero Mastodon é basicamente unha copia de Twitter montada sobre unha rede que nunca poderá funcionar como Twitter (por moito que se insista en que é outra cousa). É opinión persoal, pero paréceme unha contradición no concepto mesmo de Mastodon que limita totalmente as súas posibilidades